Homenaxe Pública a  Telmo Rodríguez Alonso, concelleiro de Izquierda Republicana no Concello de Arbo

Militante de Izquierda Republicana, nas eleccións locais de febreiro de 1936 é elixido concelleiro da Corporación Municipal de Arbo. O 8 de novembro de 1936, xunto a outros 10 homes, foi asasinado  na Volta do Couto, en Tenorio, Cotobade. Nunca apareceu o corpo daqueles 11 inocentes defensores da democracia.

O domingo 6 de novembro, a partir das 11 horas na casade Telmo,  situada no no Barrio da Curuxa da Parroquia de Barcela, en Arbo (coordenadas de localización: 42.099219988263194, -8.333218520900958) celebraremos unha homenaxe pública á figura deste home, a partir da demanda da súa familia, fillos e netos.

Quen era Telmo?

Telmo Rodríguez Alonso nacera na Torre, en Barcela. O seu pai era zapateiro, era unha familia humilde. Telmo sempre fora unha persoa dinámica, con ganas de facer cousas, pensando nos seus e tamén nas persoas da parroquia, na súa cali­dade de vida. Para buscarse a súa vida e a da súa familia, emigrara a Cuba. Alí, despois de traballar en diversos sectores, estivo bastantes anos vinculado aos Ferrocarriles de Cuba. O tempo que pasou na illa serviulle para facer algo se diñeiro para que a súa familia, os seus 3 fillos e a súa dona, puideran vivir dignamente.

Telmo volveu para Arbo,para Barcela e para a Coruxa, onde construira a súa casa, aínda en pé, no ano 1934. A casa levantouse anos antes de que Telmo volvera definitivamente para Barcela, mentres aínda estaba en Cuba.

A volta de Telmo para Arbo fora unha alegría para toda a familia. As súas dúas fillas Maruja, aínda viva, e Eugenia por fin ían ter ao «papá» na casa todos os días, e Emérita, a «mamá» ía sentir a presenza de Telmo para ter a familia completa. El xa non ía marchar máis a Cuba. Agora tocaba consolidar a familia, buscar a felicidade e seguir coa teima do ben común, aspecto que nunca deixou de estar na cabeza e na acción de Telmo Rodríguez Alonso. A familia ampliárona, pois no ano 1935 naceu o seu único fillo varón Manolo, aínda vivo na actualidade. E o ben común seguiuno buscando: de feito Telmo faise militante de Izquierda Republicana e desde febreiro de 1936 é nomeado concelleiro, membro da Corporación Municipal.

Qe lle pasou a Telmo?

Co levantamento dos fascistas, foi preso e xa nunca volveu ser libre. Primeiramente levárono para os improvisados calabozos do concello de Arbo. Alí conviviu varias semanas con ducias de detidos. Alí ía Emérita, a súa dona, todos os días levarlle comida e roupa limpa. Ás veces conseguía darlla directamente e outras veces nin tan sequera a deixaban entrar. Nesa rutina andaba a familia ata as últimas semanas do mes de outubro cando, sen previo aviso e sen comunicación, Telmo foi trasladado á Lazareto de San Simón, na Ría de Vigo. Alí estivo aproximadamente 15 días.

Emérita, a súa dona, esperou xustiza para que deixaran ao seu marido libre, pero non se produciu. O que ocorreu foi unha barbarie: o día 8 de novembro, Telmo e 10 homes máis, entre os que estaban 3 veciños e amigos de Arbo (Alfonso Alonso, Juan Alonso e José Gómez), e 7 compañeiros de Lalín, foron sacados do Lazareto e «paseados» en Tenorio, na Volta do Couto. Non había crimes dos que acusalos, non había probas de maldades que non cometeran, non houbera xuízo que os castigara, só había odio, exterminio selectivo e ausencia de moral. Foron baleados os 11 e coma cans ficaron na cuneta. Os asasasinos foran despois celebrar a súa fazaña, beber viño, se cadra cantar algún himno marcial e a bon seguro argallar novos «paseos», buscar novas vítimas inocentes.

Para recordar a este pai de familia, bo home, emprendedor e benfeitor social, coa presenza da súa familia, o día 6 de novembro o pobo de Arbo, e todos os amigos e amigas da xustiza, da liberdade, da demcoracia e da República, ímonos xuntar. O programa é o que aparece no cartaz anexo.

Se queres colaborar ecoomicamente, podes facer un Bizum ao 648094430. Se queres máis información podes escribirnos a memoria.historica.arbo@gmail.com.

Durante o acto interpretaranse diversas pezas musicais a cargo de intérpretes locais e ao final teremos un aperitivo para todos os asistentes

Programa do Acto de Homenaxe do día 18

Organizado por un grupo de veciños de Arbo, e contando co apoio da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e da Iniciativa Galega pola Memoria, o día 18 de decembro oraganizamos  unha Homenaxe Pública  Joaquín Antonio Álvarez Álvarez, Juan Alonso Pérez, Telmo Rodríguez Alonso, Alfonso Alonso Portugués, Amadeo Álvarez Fernández e José Gómez Sampayo, asasinadas en 1936.

O programa de actividades é o seguinte: 

11.00. Recepción das familias e participantes en Casa Cruceiro (Barcela)

11.30 En Barcela (Arbo). Colocación e levantamento da placa colectiva.

Intervencións de:

  • Representante do Grupo pola Recuperación da Memoria Histórica de Arbo
  • Carmen García-Rodeja, en representación da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica.
  • Manuel Igrexas Rodríguez. Profesor e Investigador. Lalín
  • Familiares das vítimas.
  • Xesús Alonso Montero. Escritor e Presidente da Real Academia da Lingua.

Solta de “6 pombas”como mostra dos valores de xustiza, igualdade, liberdade, democracia e paz que eles defenderon sempre durante as súas vidas.

Pezas musicais a cargo de Abraham Carrera, violinista, e de músicos da A.C. Barca de Loimil.

12.45. No lugar do Urzal, Barcela, colocación e levantamento de unha placa conmemorativa na que foi a casa de Alfonso Alonso Portugués.

13.30. No lugar de Cabeiras, colocación e levantamento de unha placa conmemorativa na que foi a casa de Joaquín Antonio Álvarez Álvarez, o Roque.

14.00. Xantar de confraternidade.

Leranse as adhesións de apoio ao acto. Os familiares, representantes da cultura e da sociedade, ou calquera veciño ou veciña poderá facer uso da palabra para expresar os seus sentimentos.

Procederase á entrega de Diplomas Conmemorativos ás familias das vítimas.

Exposición de fotografías, textos e documentos relativos ao acto de homenaxe.

É necesario inscribirse para acudir ao xantar. Custe: 25 euros. Para confirmar asistencia no teléfono 645.950.599 ou no email  memoria.historica.arbo@gmail.com  .

Este acto de homenaxe non conta con ningún tipo de subvención. Será sufragado pola veciñanza, polo que che pedimos que colabores cunha achega económica. Rógase realizar a achega na conta   ES24 1491 0001 212121145524

Esperamos contar coa túa presenza durante esta xornada.