Juan Alonso Pérez, veciño de Barcela, mestre no Pazo (Arbo), asesinado na Volta do Couto, en Tenorio (Cotobade), o día 8 de novembro de 1936

Xunto con 10 homes máis, todos eles inocentes de calquera delito e sen ter sido celebrado xuízo previo de ningún tipo, Juan Alonso Pérez foi cruelmente asasinado polos sublevados na noite do 8 para o 9 de novembro de 1936. Estaba preso no Lazareto de San Simón, logo de ser apreixado en Arbo aos poucos días do levantamento fascista. Non se lle coñecía crime de ningún tipo, nin tan sequera faltas administrativas. Mais iso non importaba. Ser mestre e loitar pola mellora educativa das clases populares e ser militante de Izquierda Republicana e defender a democracia e a igualdade de oportunidades, eran causas suficientes para seren aniquilados. Unha auténtica barbarie.

Juan Alonso Pérez, Don Juanito como era coñecido entre os seus veciños, era natural de As Neves (Setados). Casara en Barcela con Amalia, de cuxo matrimonio naceran dúas fillas, Antonia, nacida en 1934, e Margarita, nacida en 1935, en Barcela as dúas. Como consecuencia da súa morte, a súa muller e as súas fillas emigraron para o Brasil. A súa filla Antonia aínda vive, residindo en Río de Janeiro, Brasil. As tres fillas de Margarita e os seus catro bisnetos viven en Madrid.

A vida no Brasil non foi fácil para Amalia e as súas dúas cativas fillas. Amalia foi unha muller valente e emprendedora. Foi unha muller moi traballadora, e unha nai excepcional: a súa forza e o seu tesón levaron á súa filla Antonia a converterse en Mestra de escola, xubilándose como  Directora da Escola Pública Brasileira. Seguiu os pasos do seu Pai. Amalia non estaba disposta a permitir que a súa filla pequena, Margarita, non fose tamén Mestra, así que debeu facer os primeiros anos de Maxisterio e de Medicina, a súa vocación. Finalmente Margarita converetuse en Pediatra, e exerceu a Pediatría en Brasil en Madrid, onde casou e onde faleceu non hai moitos anos. Serían un orgullo para o avó Juan, para Don Juanito, como o coñecían daquela en Arbo.

Os tempos previos ao levantamento militar eran tempos de profundos cambios educativos en España. E se a situación non tivera cambiado persoas como as fillas de Juan Alonso terían sido mestras ou médicas. Máis co alzamento dos rebeldes e o posterior triunfo o acceso á formación básica de calidade e o acceso á universidade converteuse nunha opción case exclusiva dos poderosos, era inaccesible para a maioría da poboación. Antonia e Margarita puideron alcanzar formación superior no exilio obrigado, no Brasil.

A barbarie instaurada a partir do levantamento militar de 1936 produciu resultados esperpénticos como o de Juan Alonso Pérez. Se ben “Don Juanito” fora asasinado en novembro de 1936, a “Comisión Depuradora del Personal del Magisterio Primario” inicia en febreiro de 1937 o expediente da súa separación  do servizo, do cargo de mestre. Así, publican no boletín oficial da provincia un edito de 26 de febreiro de 1937 no que citan a Juan Alonso Pérez para que se presente na causa, onde se pode ler textualmente “ transcurridos los diez días que señalan las disposiciones anteriormente citadas sin que se haya personado, se continuó este expediente como si se le hubiera oído…..”, cando xa levaba uns cantos meses morto.

A decisión que toma esa Comisión é separalo do servizo en base ós seguintes motivos (transcritos literalmente):

“1º. Que en Religión es extremadamente laico, ofendiéndole que le hablen de Dios.

2º. Que su filiación política es de izquierdas. Socio de la Casa del Pueblo Izquierda Republicana.

3º. Que su actuación en la Escuela es puramente roja

4º. Pertenecía a Trabajadores de la Enseñanza.”

As declaracións de diversas testemuñas (veciño,Comandante do Posto, Alcalde do Concello, Párroco de Arbo….) aparecen tamén na mesmo expediente, reproducindo, con maior ou menor intensidade, os mesmos infundados argumentos. O bo mestre, o mellor veciño, o amado esposo, o querido Pai, Juan Alonso Pérez, levaba xa meses morto, o seu corpo nunha foxa común, e non entanto a ditadura franquista e os seus esbirros tomando decisións a partir de afirmacións de parte, “apartándoo” do servizo educativo. Un sen sentido.

A familia de Juan Alonso Pérez nunca recibiu unha explicación dos feitos. Foron 80 anos de silencio, 80 anos de sufrimento. As palabras “papá” ou “avó” non existían no dicionario familiar, so se pronunciaban en silencio. Aínda hoxe, como tantas outras familias, non teñen os restos do seu corpo. Aínda hoxe non recibiron un “perdón”, unhas escusas. Aínda hoxe non saben a verdade. E, por suposto, aínda hoxe non se produciu nin un gramo de xustiza. A familia quere cerrar esa ferida, non abrir outras feridas. A familia quere que a alma de Juan descanse en PAZ e que o seu nome, a súa obra e a súa memoria sexan restituídas, colocadas no lugar que lles corresponde. Hai moitas vítimas inocentes. É o noso deber traballar para recuperar esa parte da nosa historia, é o noso deber aprender dos erros que se cometeron para garantir que nunca máis se van volver repetir feitos como este.

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s