O médico dos pobres, un intelectual comprometido: José Gómez Sampayo

Don Pepe, así era como se coñecía en Arbo a Don José Gómez Sampayo, doutor en medicina pola Universidade de Santiago de Compostela. Este médico era fillo de José Gómez Piñeiro e Trinidad Sampayo Sarmiento Sotomayor y Lira. Como podemos imaxinar polos apelidos, e como se pode deducir pola casa na que vivían, José Gómez Sampayo pertencía a unha familia que contaba con poder económico, poder social e estaba vinculado con clases sociais ilustradas.

José Gómez Sampayo nacera no ano 1903 en Sande, Mourentán. Non casara polo que encontrar familia resultounos bastante complicado. Sobre todo porque as primeiras informacións levábannos cara un sobriño chamado Amândio Gómez-Sampayo Tavares, e por moito que tentabamos contactar con el a resposta era ningunha. Tardamos en saber que o Doutor Gómez-Sampayo Tavares xa finara, non había moito. O Señor Amândio casara cunha arbense, a Señora María del Crmen Valenzuela Simón. Foi o contacto coas súas tres fillas (Maria Purificação, Maria do Carmo e Maria Cândida) o que nos abriu a porta para poder encher un pouquiño a historia do Señor José Gómez Sampayo.

O primeiro que soubemos foi que elas tres viviran moi de perto a historia do seu tío avó porque tanto a súa avoa, e irmá de Gómez Sampayo, Purificación Clara, como, sobre todo, seu pai Amândio viviron en primeira persoa, e sentiron profundamente, todo o que lle sucedera a José Gómez Sampayo.

Como diciamos José Gómez Sampayo era coñecido como Don Pepe, pero sobre todo tiña outro alcume, era o “O Médico dos Pobres”. Pola súa consulta de Sande pasaban persoas enfermas que nunca deixaban de ser atendidas, foran da clase social que foran. Recordemos que nos anos 30 do século pasado a seguridade social era un soño inimaxinable polo que o acceso aos médicos e ás medicinas, se as había, era algo moi exclusivo dunha elite. O Doutor dos Pobres atendía a todo o mundo, e non lles pedía nada, nin diñeiro, nin hipotecas sobre o capital.

José Gómez Sampayo era un home comprometido social e politicamente. Era defensor da república e dos valores de igualdade, xustiza e democracia que o réxime republicano consolidaba paso a paso en todo o Estado, e tamén en Galiza. José Gómez Sampayo era, ademais, un home apreciado alén do noso pobo. No ano 1930 visita Buenos Aires onde recibe numerosas homenaxes, algunha compartida con o Doutor Asuero. Entre estas homenaxes queremos destacar a que recibe da “Unión Hispano-Americana Hijos Unidos del Distrito de Arbo”, en xuño de 1930 e, un mes antes, a homenaxe do Centro Gallego, esa institución tan importante no subministro de atención sanitaria a todos os emigrantes na quinta provincia galega, en Buenos Aires. Pódense ver máis abaixo as portadas dos libros de adhesións aos que tivemos acceso pola familia de Gómez Sampayo.

No número 2, do domingo 12 de xullo de 1931, de “El Eco de la República”, un Semanario que se editaba na Lomba (Arbo), encontramos un artigo asinado polo propio José Gómez Sampayo. Fai referencia a unha pequena disputa dialéctica co alcalde Bautista Rodríguez Vilas en relación ás visitas transatlánticas mencionadas arriba. Nese texto menciona Gómez Sampayo que “Al terminar el acto hice entrega al presidente de la Sociedad Hijos de Arbo, D. Camilo Simón, de un cheque de mil pesos nacionales para que fuesen distribuidos entre los niños pobres de las escuelas americanas de la villa de Arbo, donativo hecho por el Dr. Asuero y un servidor de Usted”. Unha proba máis da súa xenerosidade e compromiso co avance social das clases desfavorecidas.

José Gómez Sampayo representaba nos anos da Segunda República o compromiso firme dos grupos sociais mellor e máis formados polo avance e a consolidación das súas políticas progresistas. Asumía Gómez Sampayo, así mesmo, a súa capacidade de liderado social, de capacidade para situarse no mesmo nivel que as familias labregas, para sentir os seus problemas e para loitar polos seus anceios de mellora (educativa, sanitaria….).

Estes eran os seus crimes. Esta actitude vital e este compromiso social foi o que o levaron primeiro aos calabozos de Arbo e despois a San Simón. Foron moitos os que lle propuxeron marchar para Portugal e situarse ao acubillo da súa numerosa familia en Porto. Abofé que puido facelo pero non quixo pois iso representaba aceptar que el tiña cometido algún mal, que era un delincuente. Antepuxo a súa honra e a súa defensa dos valores democráticos e igualitarios á liberdade no exilio portugués. José Gómez Sampayo merece todos os nosos respectos e a súa figura, o seu nome e a súa obra deben saír do entorno familiar para ocupar posicións centrais na historia do pobo de Arbo e de Galiza no seu conxunto. Que tería sido do noso pobo e do noso País se persoas da talla intelectual e do compromiso social e político como Gómez Sampayo houberan continuado a traballar polo ben común no canto de seren vilmente asasinados? Que nivel cultural e educativo tería o noso pobo se mestres como o Roque ou Juan Alonso houberan seguido exercendo a súa profesión? Que tería pasado na nosa agricultura se iniciativas innovadoras como a de Alfonso Alonso non houberan desaparecido cuns inaceptábeis balazos disparados de noite nunha cuneta?

Non temos resposta firme para esas preguntas, mais non resulta difícil imaxinar que Arbo, a Paradanta e Galiza non houberan sido sometidas á barbarie dos falanxistas desde o ano 1936. Na noite do 8 de novembro dese ano, na cuneta da Volta do Couto, en Tenorio, os ollos de José Gómez Sampayo viron por última vez a luz da lúa e o seu corazón deixou de latexar pensando que a súa morte e a dos 10 compañeiros que o acompañaban ía servir para parar aquel xenocidio, inimaxinable por eles mesmos anos antes. Desgraciadamente, o asasinato de miles de inocentes, como José, como Alfonso, como tantos outros, no medio de unha guerra civil decidida en campos de batalla más alá dos Perineos, trouxo 40 anos de opresión e outros 40 de case silencio absoluto. A partir de agora correspóndenos a todos facer algo por todos aqueles que deron as súas vidas por uns ideais cuxa defensa segue a ser un obxectivo prioritario.

Anuncios

Un comentario en “O médico dos pobres, un intelectual comprometido: José Gómez Sampayo

  1. Somos un grupo de persoas do Deza. Estamos seguindo con atención todo o que sacades. Chamounos a atención a referencia de “El Eco de la República”. Cantos anos existiu? Tedes todos os números? Están dixitalizados?

    Me gusta

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s