Telmo Rodríguez Alonso, concelleiro de “Izquierda Republicana”, vilmente asasinado na Volta do Couto, Tenorio, en novembro de 1936

Telmo Rodríguez Alonso nacera na Torre, en Barcela. O seu pai era zapateiro, era unha familia humilde. Telmo sempre fora unha persoa dinámica, con ganas de facer cousas, pensando nos seus e tamén nas persoas da parroquia, na súa calidade de vida. Para buscarse a súa vida e a da súa familia, emigrara a Cuba. Alí, despois de traballar en diversos sectores, estivo bastantes anos vinculado aos Ferrocarriles de Cuba. O tempo que pasou na illa serviulle para facer algo se diñeiro para que a súa familia, os seus 3 fillos e a súa dona, puideran vivir dignamente. Pero o paso por Cuba non impediu que Telmo pensara tamén na súa querida parroquia de Barcela. El foi un dos principais promotores de construír o cemiterio de Barcela. El estaba no grupo de veciños que se moveu para conseguir os fondos necesarios para ter un lugar digno para o “descanso eterno”. Se anos antes, moitos emigrantes galegos ,e tamén de Arbo, enviaban fondos para o pobo para facer escolas, desta volta os veciños de Barcela no emigración cubana decidiran mandar fondos económicos para construír o cemiterio.

Telmo volveu para Arbo,para Barcela e para a Coruxa, onde construíra a súa casa, aínda en pé, no ano 1934. É curioso, pero non por iso deixa de ser certo, que os planos da casa de Telmo e Emérita, a súa dona, e a dirección da obra, foran executados por Joaquín Antonio Álvarez Álvarez, O Roque. Eran grandes amigos, malia diferenza de anos. A casa levantouse anos antes de que Telmo volvera definitivamente para Barcela, mentres aínda estaba en Cuba. Anos antes viñera de visita e aí deixara os cartos para a casa e tamén as instrucións necesarias para a súa construción.

A volta de Telmo para Arbo fora unha alegría para toda a familia. As súas dúas fillas Maruja e Eugenia por fin ían ter ao “papá” na casa todos os días, e Emérita, a “mamá” ía sentir a presenza de Telmo para ter a familia completa. El xa non ía marchar máis a Cuba. O tempo na illa para eles xa acabara. Agora tocaba consolidar a familia, buscar a felicidade e seguir coa teima do ben común, aspecto que nunca deixou de estar na cabeza e na acción de Telmo Rodríguez Alonso. A familia ampliárona, pois no ano 1935 naceu o seu fillo varón Manolo, aínda vivo na actualidade. E o ben común seguiuno buscando: de feito Telmo faise militante de Izquierda Republicana e desde febreiro de 1936 é nomeado concelleiro, membro da Corporación Municipal.

O levantamento militar do 1936 preocupáballe a Telmo polo que significaba de ser contrario á Lei, á orden lexítima e democraticamente establecida. Pero non lle preocupaba por medo á súa persoa ou á súa familia. Cando os sublevados van a buscar a Telmo á casa, el non estaba agochado, el non fuxira, el non tiña preparada as armas para se defender. Telmo, ese día de principios de agosto de 1936, cando os falanxistas van á súa casa, fora regar un campo de millo. Que terrible crime, que sanguinario militante, que concelleiro extremista.……Canta  barbarie e canto sen sentido: era un home de ben, un home da súa casa, da súa familia, un home preocupado polo benestar colectivo.

Foi preso, e xa nunca volveu ser libre. Primeiramente levárono para os improvisados calabozos do concello de Arbo. Alí conviviu varias semanas con ducias de detidos. Alí ía Emérita todos os días levarlle comida e roupa limpa. Ás veces conseguía darlla directamente e outras veces nin tan sequera a deixaban entrar. Nesa rutina andaba a familia ata as últimas semanas do mes de outubro cando, sen previo aviso e sen comunicación, Telmo foi trasladado á Lazareto de San Simón, na Ría de Vigo. Alí estivo aproximadamente 15 días.

Emérita esperou xustiza para que deixaran ao seu marido libre, pero non se produciu. O que ocorreu foi unha barbarie: o día 8 de novembro, Telmo e 10 homes máis, entre os que estaban 3 veciños e amigos de Arbo (Alfonso Alonso, Juan Alonso e José Gómez), e 7 compañeiros de Lalín, foron sacados do Lazareto e “paseados” en Tenorio, na Volta do Couto: non había crimes dos que acusalos, non había probas de maldades que non cometeran, non houbera xuízo que os castigara, so había odio, exterminio selectivo e ausencia de moral. Foron baleados os 11, como cans ficaron na cuneta…os asasasinos foran despois celebrar a súa fazaña, beber viño, se cadra cantar algún himno marcial e a bon seguro  argallar novos “paseos”, buscar novas vítimas inocentes.

Atrás ficaban historias que xa non se ían contar, ou que tardarían ducias de anos en seren contadas. No caso de Telmo, a historia empeza a contala Eugenia, a súa filla, 75 anos despois, cando xunta documentos, historias e forzas para tentar encontrar a verdade, e encontrar ao seu Pai. Eugenia, coa axuda dos seus fillos, coa colaboración de outras familias, como a de Alfonso Alonso, e das familias dos compañeiros de Lalín, vai a Tenorio e fala coas persoas maiores e descubre cousas. Fálanlle das leiteiras que ían co  leite recén muxido a Pontevedra e ao chegaren ao Couto encontran na cuneta uns cadáveres. E cóntanlle como esas leiteiras buscaron un carro de bois para levar a aqueles homes de alí. E como os levaron a unha foxa común á porta do cemiterio de Tenorio.

No ano 2009, a partir de toda esta información recollida, faise unha escavación nese lugar. Desgraciadamente non apareceron restos dos homes enterrados nesa foxa común.Seica houbera obras no cemiterio e todos eses restos foran levados a outro punto e ninguén sabía nada de onde poder buscalos. Eugenia e toda a familia, os seus dous irmáns, os 6 netos de Telmo e os seus 13 bisnetos, querían  que os restos de Telmo foran parar ao cemiterio que el axudou a construír. Querían ter un lugar onde levar flores para recordar que a memoria de Telmo, a súa figura e a súa vida seguían en pé despois de tantos anos.

Eugenia era unha loitadora e estivo ata o final da súa vida, como estivera Emérita, a súa centenaria nai, agardando que a memoria colectiva se puxera en marcha. Temos gravadas as súas palabras…..yo no procuro venganza, de ninguna manera..pero si me gustaría que alguien se acuerde de esta gente…los mataron como perros…los tiraron en una cuneta…eso no es justo….y sería muy sano que el gobierno nos diera una autorización y nos apoye para encontrarlos…..”

Como moito atraso, 80 anos despois da súa inexplicable e inxusta morte estamos a acordarnos de Telmo e de todos os demais. Seguimos esperando que o goberno faga o que ten que facer para coñecer a verdade, para haber xustiza, para reparar o dano causado e para garantir a non repetición destes tremendos actos de barbarie e ignominia que padeceu Telmo e a súa familia e miles de familias máis.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s