Nesta web queremos presentar todas as historias, os datos e a información que poidamos xuntar sobre  a verdadeira historia da represión sufrida polos homes e mulleres arbenses a partir de 1936. Traballaremos para recuperar a Memoria Histórica de Arbo e da Paradanta, sumándonos así a outras iniciativas que existen en toda a nosa contorna. Se queres participar neste percorrido, abrimos as nosas portas á túa colaboración.

Usamos como imaxe de referencia esta que colocamos no inicio. Xa nos gustaría saber a identidade de todos eses homes que aparecen no fotograma. Polo de agora temos recoñecido a varios deses homes. Dous deles forman parte da homenaxe que realizamos o día 18. Son o que está de pé, terceiro pola dereita, Juan Alonso Pérez, mestre natural de Setados que casara en Barcela e era mestre en Pazo (Arbo); o que está sentado, segundo pola esquerda, é José Gómez Sampayo, médico, tamém asasinado no ano 1936, o mesmo día que Juan Alonso. 

Con certeza tamén están identificadas outras dúas persoas. O primeiro pola dereita entre os sentados era José de Francisco Vila, concelleiro en Arbo na Corporación lexítima antes do levantamento militar. Era Perito Agrónomo de profesión. José de Francisco estivo preso no lazareto de San Simón durante 2 anos e 8 meses. O outro home que está identificado é Bautista Álvarez Vilas, o terceiro dos sentados pola dereita. De Bautista somentes sabemos que se dedicaba á construción civil, era un contratista. 

Dos outros nada sabemos con certeza. Temos certos indicios en relación con varios deles pero agardamos novas contrastacións para atrevernos a afirmar a súa identidade. O que si temos é o reverso desa foto, que reproducimos. Como se pode ler, dise aí «Esta foto está sacada en la Casa do Pobo de la Estación de Arbo. Representantes republicanos de Arbo que fueron masacrados en la guerra civil«. reverso-retocado